Friday 03 de May de 2024

A Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 60M€ no funcionamento, equipamento e formación dos servizos de emerxencias


-O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, explicou que no caso dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), o Goberno galego destinou máis de 40M€ ao seu financiamento, aos que se suman 7M€ en material

-No caso das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) o investimento en equipamento acada os 11 millóns de euros e outros 4M€ en gastos de funcionamento

-Tamén avanzou que este ano destinaranse case 2M€ a equipar aos seis novos grupos creados para mellorar o mapa de emerxencias da comunidade e máis de 1M€ aos voluntarios de Protección Civil, con apoio tamén ao funcionamento das agrupacións e en apoio aos actos relacionados co Xacobeo 21-22

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe no Parlamento galego que a Xunta leva investidos nos últimos 12 anos mais de 60 millóns de euros no funcionamento, o equipamento e a formación dos efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).

No caso dos GES, a Xunta destinou 7 millóns de euros en material cedido aos concellos sede destes grupos que dan cobertura a 189 municipios, por exemplo, 13 autobombas, 21 equipos de excarceración ou 23 furgóns, entre outros.

O orzamento para este ano en canto á dotación de material aos GES é de case 2 millóns de euros, que se están a adicar sobre todo a cubrir as necesidades de vehículos e equipos de excarceramento para os 6 novos grupos creados este ano. Así xa se iniciou a licitación de 10 vehículos -3 furgonetas de servicios varios, 3 bombas urbanas lixeiras estreitas e 4 bombas rurais pesadas- xunto con 6 equipos de excarceración e ferramentas para rescate en zonas de difícil acceso.

Cómpre lembrar que o Goberno galego reafirmou este ano o seu compromiso coa creación e mantemento destes grupos postos en marcha en 2013 en consenso coas deputacións e concellos. Na última Comisión de Seguimento aprobouse a posta en funcionamento de 5 novos GES -2 na provincia de Ourense con sedes en Maceda e A Veiga e 3 na de Pontevedra con bases en A Lama, A Cañiza e Mos/Redondela, este último cunha subsede en cada um dos dous municipios-, aos que se une o servizo municipal no concello coruñés de Noia.

A Xunta financia máis da metade dos 33 GES cos que conta a comunidade actualmente, o que supón máis de 40 millóns de euros nos últimos anos. O Goberno galego mantén deste xeito a colaboración para mellorar a atención ás emerxencias en todo o territorio pese a tratarse dunha competencia de carácter local.

No caso das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, as distintas liñas de axudas para reforzar o seu equipamento supuxo un investimento de máis de 11 millóns de euros con case 220 vehículos, máis de 130 remolques de emerxencias, máis de 130 terminais de radiocomunicación, 57 embarcacións e 9 motos acuáticas aos concellos aderidos ao Plan de Salvamento en Praias de Galicia (Sapraga), 21 coitelas quitaneves e 62 esparexedores de sal en municipios con maior risco de nevaradas, ademais de 68 tendas de campaña de atención ás emerxencias. A estes 11 millóns en material para que os voluntarios conten co equipamento necesario súmanse outros 4 millóns para o seu funcionamento.

A Xunta publicou este ano unha orde de dotación de material para estas agrupacións por máis de 1 millón de euros e outra de 340.000 euros destinada a financiar os seus gastos de funcionamento, ademais doutros 29.000 euros que se investirán en prestar apoio aos actos relacionados co Xacobeo 21-22 nos que participen para garantir a seguridade dos asistentes.

Ademais de cofinanciar o funcionamento dos servizos de emerxencias e dotalos do material preciso para as súas intervencións, Santiago Villanueva destacou que a Xunta tamén leva a cabo unha importante labor de formación de todo o persoal a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Por unha banda, da formación inicial do persoal dos GES como a que se está a realizar este ano para a posta en funcionamento dos seis novos grupos, así como dos cursos básicos para formar parte das AVPC. Por outra parte, a AGASP tamén realiza unha formación continua destes efectivos relacionada com distintos riscos para reforzar a calidade do servizo.